headerphoto

Tomates e feixóns no medio do asfalto



A Asociación Galega de Horticultura Urbana promove o cultivo en terrazas, balcóns e terreos das nosas cidades co dobre reto de recuperar o modelo de produción tradicional e o autoabastecemento


REBECA FERNÁNDEZ

"Colle unha maceta, planta unha leituga, deixa que creza e cómea. A túa vida non volverá ser igual". Esta é a invitación coa que a Asociación Galega de Horticultura Urbana nos convida a formar parte dunha corrente en auxe: o cultivo de hortas nas cidades, para o que só se precisa dun mínimo espazo e ganas de mudar cara a un estilo de vida máis sostible. Formada por unha vintena de socios, este grupo busca recuperar o modelo de produción tradicional -achegando o rural á contorna urbana- e promover o autoabastecemento de produtos sans e de calidade. O obxectivo último: concienciar a xente que vive nas cidades de que outra forma de vida é posible.
Ramón Paz é un dos precursores desta técnica na comunidade. Con soamente 25 anos e unha brillante carreira á fronte dunha consultoría de novas tecnoloxías, Ramón decidiu "deixar de ser normal, para ser sensato" e trocar unhas xornadas maratonianas e en continua tensión por unha vida onde só el tivera a última palabra sobre os seus actos. Foi así como este mozo investiu os seus aforros nunhas terras en Cambados, nas que aprendeu dende cero as técnicas do cultivo. Cinco anos despois, patacas, chícharos, cenorias, allos e cebolas enchen os 1.000 metros cadrados que traballa nos seus momentos de lecer. O resto da semana, a principal preocupación de Ramón, ademais da programación de videoxogos, está en que as leitugas e espinacas do seu piso do Milladoiro medren con éxito.
Dende a súa chegada a Santiago por motivos laborais, este mozo decidiu trasladar o seu hobbie ó espazo urbano. En tres metros cadrados do balcón do seu fogar, Ramón practica un cultivo vertical que lle permite ter produtos de horta frescos todo o ano. "O único que se precisa é ter un mínimo espazo, 5 ou 6 horas de luz solar directa e un balcón que non estea orientado cara o norte", explica. Ademais, cada vexetal necesita un mínimo de auga e sustrato orgánico para que saian adiante. Así, a leituga precisa entre 3 e 5 litros de terra, a espinaca apenas medio e a cabaciña máis de 30. A maiores, Ramón construíu un sistema de rega caseiro, formado por unha garrafa de 5 litros que lle permite esquecerse da pequena horta durante tres días seguidos.
O cultivo en balcóns e terrazas non é a única práctica que promove a asociación. Traballar as terras existentes nas urbes é outra das súas prioridades, xa sexan da súa propiedade ou chegando a un acordo de cesión cos propietarios. Máis alá das experiencias individuais, a iniciativa persegue tecer unha rede de labregos urbanos, seguindo o modelo iniciado en Santiago coas hortas de Belvís pero cunha maior implicación detrás que garanta o éxito da iniciativa. "Queremos crear un grupo estable e con relación entre si, que poida intercambiar experiencias e consellos e que estea formado por persoas con verdadeiro interese por traballar a terra", explica Ramón, quen apunta á ausencia deste último factor como o motivo polo que a iniciativa do Concello de Santiago non resultou exitosa.
Coa Asociación Galega de Horticultura Urbana recentemente constituída, Ramón participará hoxe nas IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense para dar a coñecer este movemento que, como el mesmo recoñece, está relacionado con outros movementos alternativos: dende a permacultura á agricultura ecolóxica ou o slow food. "Ter unha horta permíteche comer san e facer unha compra responsable incluso no medio do asfalto".

Banco de sementes autóctonas

A Asociación Galega de Horticultura Urbana quere poñer en marcha a longo prazo un banco de sementes que funcione como unha especie de almacén no que as variedades galegas estean a disposición de calquera, a través dun acceso universal e gratuíto. Así, ademais de recuperar e garantir o futuro das especies autóctonas, Galicia faríalles fronte ás multinacionais transxénicas, que ameazan con "acabar" co sistema produtivo tradicional. "Empresas sen ética como Monsanto están a impoñer no mercado o monopolio das súas sementes polas que hai pagar a patente cada vez que se precisen, xa que todas elas son estériles ", explica Ramón Paz, quen advirte: "Cando chegue o momento en que para comer precises das empresas, a túa vida deixa de ser túa".


Publicada en Galicia Hoxe

0 comentarios:

Publicar un comentario

(c)Asociación Galega de Horticultura Urbana.