Benqueridas compañeiras e benqueridos compañeiros,
facémosvos chegar a invitación ao próximo curso que organizamos (Arela) e no que colaboran tamén Verdegaia e A Tira. Queremos que sexa un encontro que nos leve a traballar e loitar colectivamente, nos nosos ambientes e no mundo, pola Soberanía Alimentaria sabendo que esta loita é pola dignidade e a xustiza, na que nos debemos involucrar e construír alternativas reais xunto cos grupos ecoloxistas, cos grupos de consumo, etc.
A Soberanía Alimentaria consideramos que é un tema vital que debemos coñecer e ser capaces de crear e de fomentar outra forma de facer e de ser.
Sabemos que esta fin de semana hai moitos máis encontros en Vigo pero tal e como está posto o horario é compatible coas outras actividades (asemblea de Baladre, manifestación e acto do domingo de A Ría Non se Vende, etc.), polo que non deixes de asistir e de participar connosco neste momento para o diálogo tan interesante.
O horario é o seguinte:
SÁBADO, 26 DE FEBREIRO DE 2011
Ás 10:15 h.: Acollida.
De 10:30 h. a 13:45 h.: "Introdución ao modelo insustentable corporativo de produción, distribución e comercialización” , por Begoña Carrera Ríos e Iñaki Varela Pérez (Verdegaia).
A insustentabilidade do modelo petro-alimentario de comercio actual e os seus impactos tanto sociais (recorte nos dereitos laborais e nas prestacións sociais, etc.), como medioambientais e doutro tipo, están afectando á gran maioría das persoas que habitamos a Terra, de tal xeito que se reflicte en fame, guerras, migracións, monopolio das transnacionais, etc. As políticas comerciais e de agricultura que se fomentan no estado español e no resto de Europa promoven o anterior (privatizacións, monocultivos, aumento da débeda externa, asunción de esquemas económicos alleos, fomento dos transxénicos e dos agrocombustibles, etc.).
De 16:30 h. a 19:45 h.: “Os retos da Soberanía Alimentaria”, por Xosé María García Villaverde (Verdegaia).
Complementaremos o comentado pola mañá facendo unha breve exposición das realidades que levaron a que a necesidade de loitar pola Soberanía Alimentaria se estendera a todos os recunchos do planeta (en todas as súas dimensións: relacional, identitaria, creadora, transformadora da realidade, como movemento de denuncia, etc.). O movemento campesiño e a Soberanía Alimentaria están intimamente relacionados xunto coas alternativas para a produción, a distribución, etc. que se propoñen desde o "Sur" (experiencias concretas e construtivas de economía solidaria e dignificadoras da persoa).
DOMINGO, 27 DE FEBREIRO DE 2011
De 10:00 h. a 12:45 h.: “Acción colectiva para o cambio no modelo de produción-distribución-consumo”, por Eva Gil Rodríguez (A Tira).
Coñeceremos o que se está a mover no mundo rural e na alimentación desde o "Norte" (experiencias concretas): grupos e cooperativas de consumo, hortas comunitarias, propostas contrapublicitarias, troco, bancos de tempo, empresas de economía social e solidaria, etc. Tamén poderemos vislumbrar en que se pode participar e que se pode crear, o que nos permitirá achegar estas iniciativas ás nosas vidas e así promover o cambio nos nosos patróns de consumo.
Agradecemos que difundas este curso á xente que poida estar interesada.
Moitas grazas polo teu interese,
Marta (Arela)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario