headerphoto

HORTOS URBANOS NA USC


O PROGRAMA USC EN TRANSICIÓN PON EN MARCHA UN PROXECTO DE HORTOS URBANOS NA USC.
O vindeiro 6 de novembro celebrarase unha primeira xuntanza para a organización dos grupos que se encargarán da xestión dos hortos.

Dende o curso 2010-2011, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC ven desenvolvendo varias actividades ligadas á agricultura urbana e ecolóxica a través do Programa USC en Transición, unha iniciativa que busca adaptar a filosofía das “comunidades en transición” ao contexto universitario.
As “comunidades en transición” priorizan a busca de métodos e accións que axuden ás comunidades a reducir o seu consumo de enerxía e aumentar así a súa autosuficiencia. Neste contexto, os hortos comunitarios convértense nunha excelente ferramenta para reducir a nosa pegada de carbono alimentaria, promovendo a produción de alimentos no contorno inmediato e reducindo así as emisións de gases de efecto invernadoiro pola produción e transporte dos alimentos que consumismos. Mais isto non é todo...
Compartir un horto pode ser unha experiencia a través da que coñecer a outras persoas que comparten o interese na agricultura ecolóxica, a horticultura urbana ou simplemente o traballo na terra. Deste xeito, os hortos son tamén espazos para a cohesión da comunidade, practicando colectivamente un estilo de vida máis sostible.
Nesta ocasión, o Programa USC en Transición busca promover a creación de grupos de persoas que se comprometan a xestionar algúns dos hortos existentes (na RU Fonseca e na RU Burgo das Nacións no campus de Santiago, ou na Facultade de Formación do Profesorado no campus de Lugo) ou, de darse as condicións, crear o seu propio horto.
Con este obxectivo, convócase a todas as persoas interesadas a asistir o vindeiro día 6 de novembro, ás 19:30 h., no Salón de Actos da RU Fonseca para coñecer de primeira man os detalles do proxecto e organizar os grupos que se encargarán de xestionar os hortos.
Ademais, este proxecto quere ser tamén un espazo para a formación onde os coñecementos tradicionais e os académicos teñan cabida conxuntamente, promovéndose en consonancia un plan formativo aberto a todas aquelas persoas que queiran coñecer un pouco máis sobre a agricultura ecolóxica ou a elaboración de comidas cos alimentos producidos.


Para máis información, contactar con:
Oficina de Desenvolvemento Sostible
Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade
Casa da Balconada, Rúa Nova, 6-2º, Santiago de Compostela
Tlef: 881.811.317 – 881.811.359


*********************************
USC en Transición
Teléfonos: 881.811.317-881.811.359
http://www.usc.es/entransicion/

0 comentarios:

Publicar un comentario en la entrada

(c)Asociación Galega de Horticultura Urbana.