headerphoto

Curso de incorporación a agricultura

Iniciativa do Sindicato Labrego:

Dende os locais comarcais do Sindicato Labrego Galego de Compostela e de A Estrada organizan para o 2010 un Curso de Incorporación á Agricultura (os chamados CURSOS DE APTITUDE EMPRESARIAL AGRARIA).

Este curso está concebido como parte dunha labor sindical dirixida a incentivar e apoiar á xente moza para que se incorpore á agricultura, coa esperanza de contribuír a manter e a reconstruír un rural vivo.

Estamos na Galiza máis atlántica, con núcleos de poboación fortes; a agricultura como suministro de alimentos á poboación pode ser unha opción de emprego. Desde o SLG pretenden dar un apoio a todas aquelas persoas que pensen en ter unha capacitación mínima para instalarse como cultivadores/as de alimentos: porque lles traspasan unha explotación, porque teñen terra no rural (de familiares ou coñecid@s), porque lles gustaría volver ao campo como forma de vida, porque dentro da crise actual ven unha posibilidade de emprego…

Na impartición imos reforzar a defensa do modelo agrario que perseguimos: explotacións autónomas (non hipotecadas) e que desenvolvan unha agricultura sostible. Nesta liña, darémoslle a este curso unha orientación á horticultura, na procura tamén dunha revalorización do produto para conseguir que se remunere o traballo.

Este tipo de cursos son obrigatorios para incorporarse profesionalmente a unha explotación agraria. Trátase dun curso homologado pola Consellería do Medio Rural. Contará con 250 horas, nas cales o apartado práctico terá un peso importante. Desenvolverase durante os meses de marzo, abril, maio e xuño no Concello de Teo.

Máis información:

Local Comarcal de Compostela: 981588532

Local Comarcal de A Estrada: 981573232

0 comentarios:

Publicar un comentario

(c)Asociación Galega de Horticultura Urbana.