headerphoto

IVª Xornadas de Agroecoloxía de Ourense


A Esmorga, Amarante, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia organizan as  IVª Xornadas de Agroecoloxía de Ourense.

As IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense son unha mostra da consolidación dos proxectos sociais, culturais e ecoloxistas que se levan a cabo na cidade de Ourense. A Esmorga, Amarante, Amigos da Terra, Semente e Verdegaia presentan, durante 10 días de festa e reflexión colectiva, o traballo realizado conxuntamente ao longo de todo o 2009 e comezos de 2010 para que sexan cada vez máis visibles, para que cada vez teñan máis voz,  proxectos alternativos centrados no compromiso coa xustiza social e ecolóxica.
Un ano máis, as Xornadas de Agroecoloxía ofrecen achegármonos, se cadra un pouco máis, ao mundo que todas/os desexamos: un mundo no que actuemos de forma activa contra un modelo de produción agrícola e gandeiro intensivo e aberrante, potenciado por intereses económicos e comerciais insensibles a calquera consideración de saúde pública, de benestar animal ou de respecto ao medio natural.
A Agroecoloxía é unha ferramenta cun enorme potencial transformador da sociedade na que vivimos, porque se asenta nas relacións de confianza entre o colectivo que produce e o que consome, substituíndo as relacións meramente comerciais entre elas/es, ademais de potenciar a/o pequena/o productor/a local. Impulsar este sector poñería freo á expasión das grandes superficies comerciais apoiadas na política do consumo insustentable.
Retomando o modelo de financiamento das anteriores edicións das Xornadas, dende a organización optamos por traballar por un evento autoxestionado, que busca sustentarse nas diferentes actividades lúdicas que se organizan. Contamos, ademais, coa colaboración artística de destacadas figuras culturais galegas. Este compromiso de autoxestión constitúe unha aposta pola independencia e o fortalecemento das redes sociais como motor da cidadanía.

PROGRAMA:

·          Venres 19 de febreiro: Presentación das Xornadas. Lugar: Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro 27, ás 11:30 horas.

·          Sábado 20 de febreiro: Horticultura urbana. Fundamentos, técnicas e valores. Realizaremos un breve repaso a horticultura urbana, as súas orixes, as técnicas actuais e a pegada filosófica do movemento de horticultura urbana no mundo. Tamén presentaremos a recentemente formada Asociación Galega de Horticultura Urbana e os seus plans de futuro, e farase un pequeno obradoiro práctico de sementeira e cultivo en entornos urbanos. Participan: Ramón Paz, da Asociación Galega de Horticultura urbana Lugar: Aula de Natureza de Oira, de 11:30 a 14:00 horas.

·          Agri – CULTURA: Actividades Culturais. Concerto musical de  Uxía + Guadi Galego + Fred Martins, Coanhadeira e Ergom, que colaboran de forma altruísta en apoio das Xornadas de Agroecoloxía. Lugar: Teatro Principal, rúa da Paz 9, ás 20:00 horas. Prezo: 5€

·          Luns 22 de febreiro: O reto da soberanía alimentaria. Un dos obxectivos do Centro de Investigación de Leboso é o da dignificación da profesión de agricultor a través dunha experiencia que o pon en valor, recoñece a súa aportación á sociedade e á conservación do medio natural. O Centro de Leboso traballa por e para os agricultores, recuperando, seleccionado e mellorando sementes, dándolles formación e facéndoos partícipes dunha estrutura económica novedosa. Participan: Enrique Banet, da Fundación Galicia Verde. Lugar: Ateneo de Ourense, Salón de Actos, Rúa Curros Enríquez 1, ás 20:00 horas

·          Martes 23 de febreiro: Grupos de consumo responsable: a experiencia de Semente. Reunión informativa con persoas e colectivos da vila do Carballiño interesadas/os en montar un grupo de consumo local de produtos ecolóxicos. A través do camiño percorrido pola iniciativa ourensá "Semente", exploraremos diferentes maneiras de organizármonos na busca dunha forma máis responsable de cubrir as nosas necesidades alimentarias. Participan: Alice Alonso e Laura Seco, da Asociacion de Consumo responsable Semente. Lugar: Casa da Cultura do Carballiño,  ás 20:15 horas

·          Mércores 24 de febreiro: Mesa redonda do leite.  A vaca sempre foi parte da cultura galega, mais a tradicional imaxe de vacas a pacer está pronta a desaparecer da nosa paisaxe. A produción intensiva, a carencia de industrias propias, a perda de mercados, a concorrencia con outras rexións resultante da política agraria da UE está levando á case total extinción dun sistema de vida, polo que para reverter esta situación, apostamos por producións tradicionais, ecolóxicas e locais.  Participan: Xosé Manuel G. Santiso, coordenador do Séctor Lácteo do SLG. José Luis Carrera Valín, de Arqueixal, e Broder Fernández-Obanza, de Casa Grande de Xanceda. Lugar: Centro Social A Esmorga, rúa Telleira 9, ás 20:00 horas

·          Xoves 25 de febreiro: Proxección do documental Earthlings. Este documental ofrécenos unha visión global e en profundidade da nosa relación cos demais animais naqueles ámbitos nos que os utilizamos como mascotas, comida, entretemento, vestiario e investigacións científicas, cunha total falta de respecto aos animais. Lugar: Biblioteca Publica de Ourense, ás 20:30 horas

·          Venres 26 de Febreiro: Agroideoloxía. Díse do surtido de ideoloxías, dende o independentismo ate o anarquismo, que orbitan e propoñen liñas de actuación social en torno ao AgroEcoloxismo. Mesa redonda que centra o seu debate na defensa dun Agro Ético-Responsable, visto dende a óptica de todo o espectro ideolóxico galego. Participan: Analía Moares, de Amigos da Terra; experiencias de permacultura: Chozas; Maria Bagaria, de Sem um Cam; Izquierdo, do movemento libertario, e Alice Alonso, d'A Esmorga.  Lugar: Centro Social Sem um Cam, Rúa do Vilar 9,  ás 20:00 horas.

·          Sábado 27 de Febreiro: Banco de sementes. Mercadiño de troco de sementes ecolóxicas. Pretendemos favorecer a recuperación e conservación das variedades tradicionais de plantas que foron mantidas dende sempre polas/os nosas/os agricultoras/es locais. Participan: invitamos á participación de todas as veciñas e veciños. Lugar: Parque Infantil do Polvorín (Barrio do Polvorín), de 11 a 14:00 horas.
 Agroexposición: "Retratos da Sustentabilidade”.  Vintenove fotografías de 15 estudantes de primeiro curso de Fotografía da escola “Antoino Failde” retratan o medio rural dende diversos puntos de vista, pero co fío condutor da agroecoloxía. A exposición “Retratos da Sustentabilidade” pretende achegar a realidade do mundo rural á sociedade dende distintos puntos de vista, amosando fórmulas de desenvolvemento e relación co “medio” diferentes. Lugar: CHOU-Hospital Provincial, na sala de Consultas Externas, dende o 23 de febreiro ao 12 de marzo.
Colaboran nas Xornadas:
Anacos da Cidade, CHOU- Complexo Hospitalario de Ourense, Cine Clube Padre Feijoo, Escola de Arte Antonio Failde, Facultade de Ciencias do Campus de Ourense e Teatro Principal.
Para calquera consulta, podedes contactar con nós en informacion@agrourense.info

0 comentarios:

Publicar un comentario

(c)Asociación Galega de Horticultura Urbana.