A Plataforma Galega contra a Lei de Augas anuncia mobilizacións para o 20 de marzo
O novo colectivo cívico presentouse hoxe en Compostela, está aberto a novas adhesións e conta, polo de agora, co apoio do Sindicato Labrego, Organización Galega de Comunidades de Montes, Verdegaia, Amarante, Altermundo e Marcha Mundial das Mulleres.
A Plataforma Galega contra a Lei de Augas deuse a coñecer hoxe, 23 de febreiro, en Compostela, coma un movemento que aglutina a diversos colectivos sociais de Galiza cunha fin común: a derrogación da Lei de Augas de Galicia. Están adheridos ou amosaron o seu apoio á Plataforma Galega contra a Lei de Augas organizacións e movementos como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Altermundo, Verdegaia, Amarante ou a Marcha Mundial das Mulleres. A Plataforma segue aberta a novas adhesións; así o fixeron saber os e as representantes de colectivos que hoxe oficiaron como portavoces da mesma: Carme Freire, secretaria xeral do SLG; Xosé Alfredo Pereira, presidente de ORGACCMM, e Manoel Santos, director de Altermundo.
Carme Freire adiantou que, nestes intres, estase a redactar un manifesto da Plataforma Galega contra a Lei de Augas que, en breve, se dará a coñecer; e adiantou a data de comezo das mobilizacións para forzar a derrogación desta lei “lesiva para toda a cidadanía”: o 20 de marzo, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día Mundial da Auga. Freire xustificou a xestación da Plataforma e a convocatoria de mobilizacións por dous motivos fundamentais. En primeiro lugar, porque “a auga é un ben público, un ben da natureza e, polo tanto, non pode ser obxecto de negocio para ningún tipo de empresa, calquera que sexa a súa natureza; ademais, a auga debe ser un ben gratuíto para a vida das persoas, dos animais e da sociedade”. En segundo lugar, porque “non se pode privatizar un ben como a auga, porque non se pode decidir por lei que sexa unha empresa de dereito privado, como Augas de Galiza, a que pase a xestionar un recurso básico para a vida como é a auga”.
Tamén Manoel Santos, o director de Altermundo, argumentou o nacemento desta Plataforma afirmando que “a Lei de Augas de Galiza é un atentado suficientemente grave e doloso para o medio natural e para a soberanía das persoas, especialmente no medio rural, como para que a cidadanía se mobilice”. Santos explicou que “o gran cambio que supón esta lei non é que se privatice un subministro, unha depuración ou un servizo; senón que se privatiza o elemento. Iso é o verdadeiramente grave. É dicir, se privatiza e se dan dereitos de explotación e de cobro sobre a utilización da auga da choiva ou do mar. É verdadeiramente abraiante. É un saqueo masivo dun dereito humano como a auga, que é de todos”. O director de Altermundo lembrou que en países como Francia se están a dar pasos, xustamente, no sentido contrario, coa re-municipalización do servizo de subministro de augas en máis de corenta concellos no último ano, entre os que se inclúe París. Nembargante, “no noso país se lle deixa toda a xestión de augas a unha empresa, Augas de Galiza que é pública, pero que coa nova lei se converteu ao dereito privado”, o que supón “unha aberración absoluta que vai contra os dereitos humanos, porque a auga é un dereito humano como así estableceu a ONU, e vai contra o dereito fundamental á vida das persoas e dos animais”.
Finalmente, o presidente de ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, encadrou a Lei de Augas nun contexto xeral de “privatizacións continuas por parte do Goberno do Partido Popular que, dende que chegou á Xunta, está privatizando todos os servizos públicos. Se antes foron os servizos de dependencia e igualdade, agora é a auga, e mañá serán os montes veciñais e de mancomún”. Pereira afirmou que “non imos pasar por aí e imos concienciar e mobilizar á sociedade para que isto non vaia para adiante”.
Saúdos dende a Plataforma Galega contra a Lei de Augas
Se desexan máis información, poden falar coa secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, no 619 348 426; co director de Altermundo, Manoel Santos, no 686 021 933; e co presidente da ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, no 649 137 135
0 comentarios:
Publicar un comentario